#doCompás: unha reflexión colectiva

blog_04O venres 20 de novembro de 2015 celebrouse #doCompás, a primeira actividade organizada por Impact Hub Vigo. Comezamos ás 17h no Museo do MARCO, nunha sala decorada cos experimentos artísticos de alumnas e alumnos dos talleres infantís do museo, un espazo diáfano que pronto se encheu de xente que viña desde distintos puntos de Galicia, con distintos intereses e realidades, pero tamén desde un lugar común: o cambio social.

Fixemos unha breve presentación de Impact Hub dando paso ao protagonismo das persoas que compartiron o seu tempo e as súas reflexións coa nosa visión do Impact Hub en Galicia. A xente foi distribuída en 6 mesas, cada unha delas contaba cun grupo con perfís diversos que puxo o foco nun aspecto determinado da realidade.

A mesa de Economía Social arrincou forte: o primeiro paso foi definir que é “economía social” e como é, ou debería ser, a súa relación cos modelos políticos e sociais nos que se insere. Este esforzo teórico é imprescindible antes de poñerse a traballar, porque a partir de aí construiremos unha visión que integre as distintas perspectivas, definiremos as súas fortalezas e as súas debilidades, identificaremos as boas prácticas e desenvolveremos as propostas.

En Cultura e Patrimonio, con todo, falaron de diñeiro, “porque sempre acabamos falando de diñeiro”. A cultura leva implícito o impacto social en cada paso do seu camiño, máis este camiño segue lidando cun obstáculo constante: a necesidade de rendibilizar o traballo cultural. Galicia é un lugar vivo e rico en patrimonio, tanto material como inmaterial, e os seus axentes culturais puxeron sobre a mesa unha enorme capacidade para dinamizar esta riqueza. Insistiron en que, quizais, Impact Hub acaba de chegar a Galicia, pero Galicia xa hai tempo que chegou a Impact Hub porque “malo será que, en cada un dos nodos da rede Impact Hub, non estivese nunca un galego”.

blog_01E é que Galicia xa está internacionalizada, porque sempre viaxou, importou e exportou por todo o mundo. O porto de Vigo medrou ao redor deste carácter viaxeiro a mediados do século XX e agora é a cidade máis poboada de Galicia. Ao falar de Vigo, á mesa de Urbanismo e Habitabilidade costoulle decidir se é unha cidade “fea ou bonita”. Así de simple e de complexo á mesma vez, porque por unha banda reflicte unha forma propia de usar o espazo urbano e, doutra banda, reflicte a necesidade de apropiarse del para facilitar as dinámicas sociais. O foco está na cidadanía, dende a que debemos reivindicar a participación activa na toma de decisións e a recuperación da cidade como espazo común, construíndo respostas significativas para as nosas necesidades.

O grupo que falou sobre Educación reclamou unhas cidades onde as nenas e nenos teñan liberdade para xogar e para interactuar, para explorar e para descubrir. Porque serán a sociedade do futuro, xa que falar de educación implica falar de cidadanía e de comunidade. O sistema educativo esixe uns procesos que non coinciden coas expectativas dunha gran parte do alumnado, non achegan valor á súa realidade e, polo tanto, é necesario un cambio radical nel para que a aprendizaxe sexa significativa. Isto, xunto cunha maior presenza da educación emocional e máis implicación activa por parte do profesorado, serían algunhas das propostas para reducir a desmotivación e o abandono escolar.

blog_05Cambiamos moito nos últimos anos. A crise é económica, pero tamén é social e política. Unha crise global que nos obrigou a re-pensarnos e a re-interpretarnos para facer fronte a unha situación adversa e para poder adaptarnos ao novo contexto. Na mesa de Sustentabilidade e Medio falaron de como empezamos a adoptar comportamentos máis responsables cos recursos naturais e de como se xeneralizaron prácticas máis sustentables; posiblemente, a orixe destes cambios é económica, pero os seus efectos son positivos a outros niveis, como o ambiental. A expansión das enerxías renovables é un destes efectos. Cada vez hai máis persoas que optan por estes sistemas, así como por modelos de autoconsumo que favorecen un aproveitamento máis consciente e equilibrado dos recursos. Por iso, é necesario traballar nun marco legal que regule a produción e o autoconsumo enérxetico, é dicir, un novo modelo económico e social que inclúa esta forma de xestionar os bens naturais.

Volvemos falar de economía. Aínda que había 6 mesas diferentes, todas estaban relacionadas entre elas porque é imposible separar a realidade en compartimentos. O grupo que reflexionou sobre Inclusión e Xustiza Social destacou a perspectiva transversal que require este tema, máis aló de colectivos concretos e distribuídos en sectores sociais. Tamén preguntánronse se estábamos a traballar polo futuro dunha sociedade igualitaria con ferramentas do pasado; neste punto, falamos de Comunicación para o Desenvolvemento (#comunicambio) e de como a cidadanía debe restablecer os dereitos sociais no centro das súas prioridades e intereses.

Entre as nosas conclusións, sabemos que existe unha comunidade galega traballando na innovación social e que esa comunidade está forte e activa, o noso traballo de dinamizar un punto de encontro para facilitar a interacción, a reflexión colectiva e a participación.
 Dende esta comunidade reclamamos unha presenza política relevante, dende a que desenvolver modelos económicos, sociais e ambientais que garantan a inclusión, o desenvolvemento, a sustentabilidade e a igualdade.

Que para que serve todo isto? O encontro chamouse #doCompás, unha brúxula que marque o noso rumbo coma Impact Hub Vigo dende as necesidades e demandas da nosa comunidade e da realidade onde actuamos. Pronto publicaremos os resultados de cada mesa de traballo co obxectivo de que sexan ferramentas e metodoloxías, propostas e marcos teóricos…blog_03
Empezamos a camiñar a partir de aquí. Moitas grazas a todas e a todos os que o venres nos regalastes unha tarde incrible. Grazas polo tempo, polo traballo e por ser parte da comunidade de Impact H
ub Vigo.