QUEN SOMOS: o equipo fundador

Temos un gran reto por diante para os próximos meses: impulsar o Impact Hub Vigo. A nosa idea inicial, tal e como vos contabamos no post anterior, é dinamizar unha comunidade de profesionais que traballan polo desenvolvemento e a innovación social. Queremos dedicar os nosos esforzos á creación dun espazo que funcione como punto de encontro para as súas ideas e proxectos, e queremos que sexa tamén un fogar para aquela xente que se move por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Queremos embarcarnos nisto porque somos un equipo de persoas que, despois de colaborar en varias experiencias, decidimos que necesitamos un lar propio, onde poidamos abrir as portas e ofrecer a nosa hospitalidade á xente que, como nós, busca este espazo para colaborar, crear e traballar polo ben común.

Contamos cunha organización aberta e coordinámonos a través de asembleas periódicas, de xeito que os nosos perfís profesionais poden desenvolverse de forma autónoma, fomentando a iniciativa persoal e a confianza no colectivo. Queres coñecernos un pouco mellor? Velaquí unha pequena descrición daquelas persoas que formamos o equipo fundador do Impact Hub Vigo:

 

Patri webPatricia Díaz

Son Licenciada en Ciencias Políticas e Máster en Dirección de Empresas (MBA), Política Comunitaria e Cooperación Transfronteriza. Emprendedora, deseñadora e xestora de proxectos en innovación social, traballo no desenvolvemento de competencias, capacidades, metodoloxías e prácticas innovadoras en ámbitos como a educación, a formación, a inclusión social ou o desenvolvemento local dende unha perspectiva europea.

Con experiencia na creación de consorcios internacionais que dean resposta de un xeito colaborativo a problemáticas sociais comúns, busco o equilibrio perfecto entre a sustentabilidade económica e o compromiso coa sociedade.

 

Roi web
Roi Guitián

Realizador de documentais e formador TIC. A medio camiño entre a comunicación e a educación, nunca sei como onde me encontro máis cómodo, se escoitando ou falando. Son Licenciado en Comunicación Audiovisual, Máster en Comunicación e Educación, e Máster en Profesorado de Educación Secundaria. Teño máis de dez anos de experiencia en proxectos para TV, produtoras independentes e institucións educativas públicas e privadas que me levaron a traballar en diferentes países de Europa, África e Asia. Así mesmo, deseño e implemento proxectos de innovación social para ONG’s e asociacións culturais. Sempre disposto a aprender e compartir, a miña vocación ten como obxectivo último colaborar co cambio social.

 

Lobo webMaría Lobo

Licenciada en Xornalismo, especializada en comunicación audiovisual: realización, edición e posprodución, produción e redacción. Profesora de comunicación e novas tecnoloxías, lingua española e desenvolvemento de competencias comunicativas (redacción, comprensión lectora, lectura crítica, produción de contidos…) Traballei para televisións, produtoras, institucións, colectivos e clientes privados; teño experiencia en documentais, reportaxes, información, educación e divulgación a nivel nacional e internacional. Interésame a comunicación como ferramenta de participación e cambio, dende unha perspectiva educativa, colaboradora e responsable. Actualmente, traballo na formación de profesorado en técnicas de comunicación social.

 

Yolanda web

Yolanda Molares

Teño máis de 15 anos de experiencia no ámbito da cooperación internacional, o emprendemiento e a internacionalización de negocios. Cun forte vínculo co sector marítimo, coordinei proxectos de investigación e de impacto económico social non só neste senón en diferentes sectores. A economía social formou parte sempre da miña experiencia profesional e levoume a liderar iniciativas de inclusión social, reforzo de organizacións sociais (cooperativas e asociacións), de colaboracións entre sector público e privado e de pre-incubadoras relacionadas co sector mariño en países de América, África e Europa. Creo, firmemente, que podes facer moito con moi pouco sempre e cando traballes xunto a persoas que aposten por un desenvolvemento social a escala global.

 

Regue web

María Regueira

Son Licenciada en Ciencias Políticas e Master en Economía Aplicada. A miña actividade profesional está enfocada ao desenvolvemento de proxectos de innovación social e a análise de tendencias tecnolóxicas e metodolóxicas para a identificación de boas prácticas aplicadas aos campos da educación non formal, da inclusión social, do emprendemento social, do crecemento territorial e da innovación para o desenvolvemento.

A busca dun novo xeito de facer as cousas no mundo da empresa, a aposta polo traballo colaborativo e compartir a experiencia de traballar para a xeración de ideas innovadoras é a base do meu ADN.